Instalación Semana da Prensa 📰
Conmemoración da Semana da Prensa: o grafismo sobre a noticia
Con motivo da Semana da Prensa realizamos no centro unha intervención artística centrada no grafismo e no xesto de escribir sobre a noticia. A proposta partiu do libro El hombre que rayaba los periódicos, de Eduardo Torres (Rosendo Cid), que nos serviu como punto de partida para pensar a prensa non só como algo que se le, senón tamén como un espazo que se pode habitar, marcar e transformar.
Para introducir a actividade, presentamos o libro empregando a cámara HUE conectada á PDI, o que nos permitiu observar de preto as páxinas, os xestos gráficos e a idea central da obra: a acción de raiar o xornal como forma de lectura, de atención e de interpretación.
A partir desa inspiración, a aula converteuse nun espazo de intervención. Cubrimos paredes, chan e diferentes superficies con xornais, transformando o espazo habitual nun gran soporte gráfico.
Sobre ese soporte comezamos a traballar co xesto: ler, rodear, subliñar e, sobre todo, raiar. As páxinas dos xornais deixaron de ser só información para converterse nun campo de experimentación visual. As liñas, os círculos e os trazos destacaban palabras, conectaban titulares, sinalaban imaxes ou simplemente seguían o movemento da mirada.
Raiar os xornais converteuse así nun acto creativo e reflexivo ao mesmo tempo. A través do grafismo, cada participante marcou o seu propio percorrido pola noticia, facendo visible a súa forma de ler e de interpretar o que aparece na prensa.
A actividade permitiunos descubrir que a información tamén pode ser materia de creación e que cada lector constrúe novas relacións entre textos, palabras e imaxes.
Porque, ao final, a noticia non está só no papel: tamén aparece na mirada de quen a le.


































Comentarios
Publicar un comentario