ENTRE FÍOS E MANS 🪡🧵
Esta semana gozamos na escola dunha instalación artística de xogo arredor da artesanía textil, seguindo traballando na liña do noso proxecto CRArte: Das orixes á arte popular, na procura de achegar a artesanía ao alumnado dende o xogo, a curiosidade e o pracer de crear coas mans.
A través de tecidos, fíos, las e diferentes texturas, as nenas e os nenos poideron tocar, entrelazar, atar, vestir, cubrir, elixir e transformar, do mesmo xeito que fan as persoas artesás cando traballan con estes materiais. Non hai unha forma correcta de xogar nin un resultado final: o importante é o proceso, o xesto e a experimentación libre.
O espazo estivo organizado en diferentes zonas (tear, redes, costura, maniquís, exploración de teas) que invitaban ao xogo autónomo, á concentración e á creatividade, respectando os ritmos de cada neno e nena.
A instalación tamén estivo acompañada de imaxes de artesáns e artesás do ámbito téxtil, nas que se poden ver mans traballando, tecendo, cosendo ou facendo nós, achegando ao alumnado aos oficios tradicionais e aos xestos propios da artesanía.
O resultado foi unha experiencia de xogo libre na que as mans guiaron a aprendizaxe.

































Comentarios
Publicar un comentario