PLANEA: Sesión 4 📦 ✏️
E ti, que cubrirías?
Nesta cuarta sesión do proxecto volvemos poñer a mirada na obra dos artistas Christo e Jeanne-Claude, lembrando como transformaban espazos e obxectos cotiáns a través das súas grandes cubricións.
Comezamos a proposta no patio da escola, presentando unha pequena maqueta que representaba o noso propio patio. Nun primeiro momento non desvelamos de que se trataba, polo que os nenos e nenas comezaron a observar, comentar e facer hipóteses sobre o que podía ser. Pouco a pouco foron recoñecendo elementos e descubrindo que aquela maqueta representaba a súa escola e o espazo no que xogan cada día. Entre todos fomos completándoa e incorporando os detalles que faltaban.
A partir de aquí lanzamos a pregunta que guiou toda a sesión:
“E ti, que cubrirías?”
Comezou entón un diálogo cheo de ideas e propostas. Tras pensar nas diferentes posibilidades do noso patio, decidimos realizar a nosa propia gran cubrición: cubrir un dos tobogáns.
A cubrición realizouse de forma colaborativa, organizándose de maneira espontánea para envolver o obxecto. Foi moi interesante observar como cooperaban, se axudaban e buscaban solucións conxuntas para conseguir cubrir o tobogán entre todos.
Para pechar a sesión, cambiamos de espazo e realizamos unha proposta gráfica baixo a premisa:
“O patio da miña escola. Eu soño cun patio no que hai…”
A través do debuxo, cada neno e nena puido imaxinar e expresar como sería o patio soñado da súa escola, dando continuidade ao proceso creativo iniciado no exterior.


















Comentarios
Publicar un comentario